venres, 12 de decembro de 2014

FALAMOS DE "CHARLIE E A FÁBRICA DE CHOCOLATE"

O xoves 20 de novembro, celebrouse a reunión do Club de Lectura A Illa dos Libros grupo Os Choquiños para falar de Charlie e a fábrica de chocolate.





No libro, Roald Dahl cóntanos a historia dun neno moi pobre, pero xeneroso e ben educado, que chegará a ser dono dunha fábrica de chocolate, mentres que outros nenos que poden optar a ela se eliminan a si mesmos pola súa falta de sensibilidade e educación.


Comezamos a reunión cunha pequena introducción sobre a vida e a obra do autor, Roald Dahl y despois se lle preguntou aos asistentes se leran outros libros do autor, constatanto que é un escritor moi coñecido para todos os que estabamos na sesión. A continuación pasamos a comentar o libro. Falouse, entre outras cousas, de:

  • O protagonista: acórdase que é un neno perfecto, maduro como un adulto, bondadoso en contraste cos demais. Moi interesante é a súa relación co seu avó, un home de grande sentido do humor e exemplo de xenerosidad.
  • Outros personaxes: Os Oompa Loompas. O autor foi criticado pola creación destes personaxes. Cuestionouse o posible racismo e machismo do escritor.
  • A situación económica do entorno é parecida á actual, con graves desigualdades sociais. A obra transcorre en inverno para así amosar máis a miseria.
  • O colorido e os sabores. A narración presenta un mundo multicolor e cuns arrecendos e sabores que "se che fai a boca, auga"
  • Reflexións. Plántéxase se a novela é para nenos ou adultos pois as lindes están moi claras. Fálase tamén dos nenos caprichosos e consentidos e as súas consecuencias nada aconsellables. Para rematar, unha pregunta para pensar: "Quen é máis feliz o que ten moito ou o que non posúe nada?

xoves, 11 de decembro de 2014

FALAMOS DE "O SEÑOR DAS MOSCAS"

O mércores 19 de novembro, celebrouse a reunión do Club de Lectura A Illa dos Libros grupo Os Chocos para falar de O señor das moscas.




O libro é unha novela de aventuras con náufragos onde a acción se ve guiada polos aspectos máis escuros do ser humano. Os nenos e adolescentes sobreviventes dun accidente aéreo encóntranse abandonados á súa sorte nunha illa deserta, así que liberados das ataduras sociais e culturais dos internados de onde procedían, dan renda solta ás características máis perversas do home: crueldade, brutalidade, odio, dominación do máis forte, sadismo e abusos, submisión dos débiles, etc.

Comezamos facendo un repaso a biografía do autor, Willian Golding, destacando os aspectos relacionados coa publicación da súa obra.

Despois, entre todos, fixose a enumeración da algún dos temas que trata o libro:
  • A autoridade.
  • A necesidade de normas na sociedade.
  • A natureza do ser humano, bondade-maldade.
  • A contraposición entre sistema democrático e ditadura.
  • A violencia, e lícito o seu uso ou debe ser erradicada totalmente?
  • O medo, xa que con el podese dominar a sociedade. Distinguimos entre o medo psicolóxico e o medo o castigo físico.  
A continuación pasamos a analizar os personaxes. Destacando os seguintes:
  • Ralf, convertese en xefe, pero sen querer. É maduro e representa a civilización, o orden e o punto de vista adulto.
  • Jack, impulsivo, sente envexa por non ser elixido líder, non quere responsabilidades. Representa o salvaxismo, o instinto, a violencia.
  • Piggy, branco de toas as burlas debido ao seu físico. É a voz da intelixencia e a sensatez. Representa o lado racional e científico da civilización.
  • Aínda que non sexan humanos incluímos á caracola, símbolo da racionalidade e da democracia e ó lume, que representa a esperanza de ser rescatados e que provoca o enfrentamento entre os rapaces.
Finalmente, fálase da posibilidade de traspoñer a sociedade do libro ás clases do noso instituto. Así vemos que: 
  • Hai grupos de alumnos que exercen o poder, vítimas fáciles polo seu carácter ou forma de ser, hai fortes ou graciosos co seu coro de admiradores, etc.
  • Ás veces, amparándose no anonimato do grupo, realízanse accións non convenientes.

Outro tema que sae a debate e a diferencia posible entre o ensino privado e público.Coma no libro, suponse que no ensino privado está a elite, pero esa elite en circunstancias adversas pode sacar o seu lado salvaxe e non reprime os seus instintos básicos.Pola contra, no ensino público maniféstase unha mellor convivencia, xa que a diversidade está máis presente.

Concluímos cualificando a novela de William Golding como psicolóxica, en principio parece unha novela de aventuras, porque dá a sensación de encerro, de estar acurralado. Chega a haber partes que deixan os sucesos á nosa imaxinación, intuímos a traxedia, pésanos o ambiente, pero realmente non se describe nada (sirva de exemplo o acaecido a Simón9 e cando chegan os adultos a reacción é a de dicir "o que pasou aquí, que quede aquí".

martes, 21 de outubro de 2014

XUNTANZAS DO CLUB DE LECTURA "A ILLA DOS LIBROS"

Aquí deixovos as datas das reunións para os libros O Charlie e a fábrica de chocolate e  O Señor das moscas.  Leede ben xa que como sabedes este ano o Club dividiuse en dous grupos:
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOQUIÑOS (1º e 2º ESO) O Charlie e a fábrica de chocolate: Xoves 20 de novembro de 2014, ás 11:30 h na biblioteca do IES.
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOCOS (3º e 4º ESO) O Señor das moscas: Mércores 19 de novembro de 2014, ás 11:30 h na biblioteca do IES.

martes, 30 de setembro de 2014

UN ANO MÁIS

Ola a todas e todos, CHOQUIÑOS  CHOCOS. Este ano somos 90!!! O noso Club de Lectura "A Illa dos Libros" ponse de novo en marcha neste curso escolar 2014 - 2015 con moitas ganas de compartir novas lecturas e todas as emocións, pasións e coñecementos que atopedes nelas.

Como este ano hai moitas novas incorporacións ao noso Club imos recordarlles a organización, para que non se anden perdendo de reunión en reunión. 
  • A Illa dos Libros: Os Choquiños”:
-  Grupo de alumnos de 1º da ESO 
-  Grupo de alumnos de 2º da ESO 
  • A Illa dos Libros: Os Chocos”:
-  Grupo de alumnos de 3º da ESO 
-  Grupo de alumnos de 4º da ESO 

Aproveito para deixarvos algunhas das fotos que fixemos na festa de despedida do Club de lectura en xuño do curso 2013-2014










venres, 19 de setembro de 2014

APÚNTATE AO NOSO CLUB DE LECTURA

GUSTACHE LER pois xa estamos aquí de novo, o Club de Lectura A Illa dos Libros abre a súas portas a novas incorporacións polo que se:
  • queres coñecer historias fantásticas
  • comentar libros cos teus compañeiros
  • vivir aventuras
  • sentir emocións fortes
  • achegarte o mundo no que vivimos
  • compartir con nos a paixón por unha boa lectura
  • recomendar libros os teus compañeiros
  • buscar o teu libro de cabeceira
  • soñar, rir, imaxinar, chorar, pensar, reflexionar, viaxar...
Achegate o venres 26 de setembro a Biblioteca do noso IES na hora do recreo 11.30h.  


ESPERÁMOSTE



mércores, 25 de xuño de 2014

FALAMOS DE "RELATO DUN NÁUFRAGO"

O 17 de xuño o Club de Lectura A Illa dos Libros (Choquiños e Chocos) xuntámonos para falar da novela de García Márquez Relato dun Náufrago.


Comezamos a reunión cunha pequena introducción sobre o autor e o motivo polo que se escolleu este libro: para homenaxear ó autor co gallo do seu pasamento ocorrido o 16 de abril de 2014. A continuación pasamos a falar do libro. Comentouse, entre outras cousas, que:
  • A historia que conta o libro está baseada nun feito real: o contrabando ilegal nun buque da Armada colombiana, que custou a vida a sete mariñeiros e o naufraxio do protagonista, Luís Alejandro Velasco que estivo dez días á deriva. Estes feitos foron agachados e contados "a súa maneira" polo goberno e aquí descóbrese o engano co seguinte escándalo político.
  • O tema principal é o da soidade, un home só fronte ao seu destino. É, pois, un tema moi recorrente e dos preferidos do noso autor.
  • Nesta soidade o personaxe séntese valente, pero impotente para salvar os compañeiros. Cando reflexiona decátase de que é un heroe, un heroe co único mérito de non ter morto.
  • A súa fortaleza mental dálle a supervivencia, non hai outra razón da salvación. Esta salvación é esaxerada polos medios e él o único que quere amosar é o lado humano.

mércores, 4 de xuño de 2014

XUNTANZAS DO CLUB DE LECTURA "A ILLA DOS LIBROS"

Rematamos este ano as nosas xuntanzas falando do libro Relato de un náufrago. Por ser a derradeira e estar a ler os dous grupos o mesmo libro, a reunión será conxunta Aquí deixovos a data da reunión:
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOQUIÑOS (1º e 2º ESO) e OS CHOCOS (3º e 4º ESO) martes 17 de xuño de 2014, ás 11:30 h. na biblioteca do IES.

FALAMOS DE "O DIARIO DE ANA FRANK"

O mércores 30 de abril, celebrouse a reunión do Club de Lectura A Illa dos Libros grupo Os Choquiños para falar de O diario de Ana Frank.


Baseada nun feito real, o diario narra as vivencias de Ana Frank, nena xudía, durante os anos que estivo escondida, xunto coa súa familia e catro persoas máis, nun faiado secreto dun edificio en Holanda, ata que foi descuberta e enviada a un campo de concentración nazi onde morreu.

Comezou a reunión situando a obra no seu contexto histórico: a Alemaña nazi, a ocupación por parte de Alemaña de Europa, a 2ª Guerra Mundial e a exterminación dos xudeos. A continuación pasamos a comentar o libro. Falouse, entre outras cousas, de:
  • A soidade que debeu sentir a protagonista e escritora do Diario, Ana Frank, ao non se poder relacionar con outros nenos da súa idade ao ter que estar escondida nesa bufarda. Isto queda reflectido en que Ana Frank lle escribe a Kitty, unha amiga imaxinaria.
  • O amor que xorde entre Peter e Ana a pesar de todas as preocupacións e do medo que se vivía naquel escondedoiro.
  • A relación que Ana mantiña cos seus pais, e máis en concreto coa súa nai, xa que sempre estaban discutindo.
  • O tema da solidariedade, encarnada nos amigos que os axudan facendo contrabando de comida e roupa para eles, con gran risco para as súas propias vidas.

  • A discriminación, a intolerancia o medo na Alemaña nazi que sofrían non so os xudeos, senón tamén outros grupos sociais comop os xitanos, os homosexuais, os discapacitados psíquicos...; e como estas situacións seguen repetíndose na actualidade: Ucraína, Rusia, antiga Yugoslavia, Ruanda...
  • A necesidade de coñecer a historia para que estes feitos non se volvan a repetir.
  • Como escribir perpetúa a persoa que escribe. Coñecemos a historia de Ana frank polo seu Diario. Ela perviviu e converteuse no símbolo dos nenos xudeos da época nazi.

FALAMOS DE "A LADROA DE LIBROS"

O martes 29 de abril, celebrouse a reunión do Club de Lectura A Illa dos Libros grupo Os Chocos para falar de  A ladroa de libros.


O libro trasládanos á Alemaña nazi e narra a historia de unha nena de nove anos, Liesel Meminger, que tras a desaparición dos seus pais é adoptada pola familia Hubermann. Co seu pai adoptivo, Hans, a rapaza introducirase na literatura tras furtar o seu primeiro libro: O Manual Do Sepultureiro. na súa aventura, ademáis de descubrir o pracer da lectura, liesel coñecerá novos amigos, un neno fanático de Jesse Owens chamado Rudy, e un refuxiado xudeo, Max que se esconde no soto dos Hubermann.

Comezou a reunión con una pequena introducción sobre o autor e a súa obra e a continuación pasamos a falar sobre o que nos parecera a novela. Comentouse:
  • A idea de que as palabras son moi poderosas e que poden manipular a mente das persoas.
  • Que a lectura é, en moitos casos, o único medio para fuxir dunha realidade horrosa.
  • O tema da amizade. Na novela as relacións persoais colócanse por riba das imposicións; os amigos son amigos ata superar as prohibicións de manter esa relación, pasando tamén sobre os lazos familiares.
  • O tema da morte, que está presente desde o comezo do libro e a medida que lemos, imos agardando os sucesivos desenlaces. A visión da morte que da a novela está exenta de dramatismo, case da medo, xa que é unha morte humanizada.
  • A coherencia, o realismo e a solidariedade dos personaxes. Estes presentan varias contraposicións de caracteres, pero ao final triunfan sempre os sentimentos e os principios.
  • As marabillosas descricións, realistas e detalladas; sobre todo, das cores que nos transmiten sensacións e moven a nosa imaxinación.
  • A capacidade dos nenos para rir e xogar nas situacións máis dolorosas. A lectura e as palabras son quen de sosegalos nos episodios máis violentos.
  • A importancia do coñecemento: sabendo ler se é máis libre, xa que coa lectura aprendemos cousas e ese saber proporciona liberdade, polo que o coñecemento che da o poder de decidir por ti mesmo.
  • O xogo que se establece co libro de Hitler Mein Kampf: as follas do libro reutilizanse, así borran o horror escrito nelas e crean a súa propia "loita", un nova vida máis humanizada, solidaria e na que os sentimentos superan a barbarie.

martes, 11 de marzo de 2014

XUNTANZAS DO CLUB DE LECTURA "A ILLA DOS LIBROS"

Aquí deixovos as datas das reunións para os libros O Diario de Ana Frank A Ladroa de Libros.  Leede ben xa que como sabedes este ano o Club dividiuse en dous grupos:
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOQUIÑOS (1º e 2º ESO) O Diario de Ana FrankMércores 30 de abril de 2014, ás 11:30 h na biblioteca do IES.
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOCOS (3º e 4º ESO) A Ladroa de LibrosMartes 29 de abril de 2014, ás 11:30 h na biblioteca do IES.

FALAMOS DE "A ISLA DE BOWEN"

O mércores 19 de febreiro reuniuse o grupo Os Chocos do Club de Lectura A Illa dos Libros para falar da novela de Cesar Mallorquí A Illa de Bowen.

Comezou a reunión cunha pequena presentación sobre o autor e a súa obra, para pasar, a continuación, a comentar o libro.




Para todos A Illa de Bowen é unha volta á novela de aventuras do século XIX. Lendo o libro relés a Julio Verne, a George Wells, a Arthur Conan Doyle e a Stevenson. Está claro que esa era a intención do autor ao escribir a novela. Hai múltiples referencias á obra de Verne –Phineas Fogg e o capitán Nemo son nomeados na novela-, así como xogos metaliterarios -o propio Conan Doyle dá unha conferencia no libro-. Así nos mostra o autor a influencia que estas lecturas tiveron sobre el. Ademais, a curiosidade científica que as historias de Julio Verne tiñan, plásmanse no texto.

En canto aos personaxes da novela coincidimos en que son, na súa maioría, uns personaxes entrañables, aínda que resulten planos e caricaturescos, cortados cun patrón bastante claro e tópico: científico desorganizado e caótico, fotógrafo novo que non sabe onde se mete, malo malísimo... Son arquetipos, pero están ben utilizados.

Un dos temas que máis se comentou foron os personaxes femininos da novela. O papel da muller no libro está desprestixiado, os personaxes masculinos son machistas e son os femininos, Elisabeth e Kathy, os que demostran, a medida que a historia se vai desenvolvendo, a capacidade intelectual e física da muller.

Outro dos temas que se comento moito na reunión, foi a historia de amor entre Durango e Kathy, aínda que dende o primeiro momento estaba claro que ían acabar namorándose, a todos nos pareceu preciosa ademais dun canto ao amor.


Chamounos a atención a tremenda historia de Samuel Durango, as fotos de guerra, a súa vida tétrica...; o acepta o traballo para escapar e acaba encontrándose a si mesmo.

O final da novela sorprendeunos e recordounos a algunhas películas de ciencia-ficción. A nosa pregunta foi. Por que a suposta intelixencia artificial non os elimina?


luns, 10 de marzo de 2014

FALAMOS DE "DRAGAL"

O mércores 12 de febreiro, celebrouse a reunión do Club de Lectura A Illa dos Libros grupo Os Choquiños para intercambiar impresións sobre a novela de Elena Gallego Dragal.




Acompañados dun bo refrixerio, comezou a reunión cunha pequena introdución sobre a autora e a súa obra. A continuación pasamos a falar sobre o que nos parecera o libro.

Para todos Dragal é unha novela de iniciación, onde os personaxes protagonista presentan un proceso de maduración que marca o seu camiño cara á idade adulta, influídos pola realidade que viven ao seu arredor.


Por un lado temos a Hadrián, un mozo de 16 anos, sen ganas de estudar e de facerlle caso á vida real, que prefire vivir encerrado en si mesmo; marcado sobre todo pola morte do seu pai e por como ese feito determina a súa vida: traslado da cidade ao pobo, busca de novos amigos, descubrimento da súa orixe e do que realmente é. Polo outro está Mónica, unha boa rapaza, estudosa e como Hadrián solitaria que se sente atraída por el. Os dous convértense nos "frikis" do instituto, o que os leva a conxeniar e co tempo a namorarse. Destacouse como a autora aproveita este illamento para tocar os temas da integración e a marxinación que sofren os dous adolescentes, o famoso acoso escolar, por parte dos seus compañeiros. Coincidimos todos en que Mónica era o contrapunto de Hadrián, a lóxica, a sensatez, a conciencia.

Polo que respecta os outros personaxes gustou o papel da profesora de matemáticas preocupado polos seus alumnos e o do cura don Xurxo, personaxe estraño e cheo de misterio, que nalgúns momentos da historia resulta incongruente.

Pero o que realmente chamou a atención e que fai especial ao libro é que a autora utilice as lendas e a mitoloxía da cultura e tradición popular galega para facer unha novela de fantasía. A historia documentada do último dragón galego, está recollida no Códice Calixtino, e moitos escenarios que aparecen na novela son lugares reais, como as Pozas de Moura e as igrexas románicas con dragónes nas bóvedas, que podemos encontrar no percorrido do Camiño de Santiago. A imaxe do dragón utilizábase para intimidar os pecadores, deste xeito elementos máxicos da cultura popular pasan a formar parte da cultura cristiá. Era moi común construír edificios cristiáns (igrexas) en lugares de culto profano, pensábase que estes lugares tiñan unha enerxía especial.

Concluímos que o libro representa a eterna loita entre o ben e o mal. O dragón no que se converte Hadrián é bo ou é malo? No fondo ninguén é bo nin malo, non se pode ser tan simple á hora de analizar un personaxe e sobre todo a unha persoa.

Para finalizar comentar que o que menos gustou do libro foi o seu  final aberto que te obriga a ler a segunda e a terceira parte da triloxía.

martes, 11 de febreiro de 2014

XUNTANZAS DO CLUB DE LECTURA "A ILLA DOS LIBROS"

Aquí deixovos as datas das reunións para os libros Dragal e A isla de Bowen.  Leede ben xa que como sabedes este ano o Club dividiuse en dous grupos:
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOQUIÑOS (1º e 2º ESO) DragalMércores 12 de febreiro de 2014, ás 11:30 h na biblioteca do IES.
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOCOS (3º e 4º ESO) La isla de BowenMércores 19 de febreiro de 2014, ás 11:30 h na biblioteca do IES.

PROXECCION DA PELÍCULA "MATAR A UN REISEÑOR"

Para completar a lectura do libro do mes, o día 20 de decembro proxectouse na biblioteca do centro a película Matar a un reiseñor adaptación da novela homónima de Harper Lee. Película dirixida por Robert Mulligan no ano 1962 e interpretada por Gregory Peck, Mary Badham, Philip Alford, John Megna, Robert Duvall. Aquí deixovos algunhas imaxes da sesión.






FALAMOS DE "MATAR A UN REISEÑOR"

Os días 17 e 18 de decembro, os membros do Club de Lectura A Illa dos Libros xuntámonos para intercambiar impresións sobre a novela de Harper Lee Matar a un Reiseñor



Comezamos con una pequena introducción sobre a autora e a súa obra e a continuación pasamos a falar sobre o que nos parecera a novela. Comentouse:
  • O papel de Atticus e o racismo da sociedade americana e como esta sociedade non so manifesta racismo contra as persoas de cor senon tamén contra aqueles que os defenden -caso do pai da protagonista Atticus.
  • A frase que da título a novela sería como matar un reiseñor e o seu significado: a perda da inocencia, non so representada na persoa da narradora da historia Scout, senon tamén  referída os personaxes de Ton e Boo Radley.                                                                              
  • Os dous puntos de vista desde os que se narra a obra: a nena que observa a realidade desde a súa inocencia e a inconsciencia da dureza da realidade (o xuízo, a pelexa, o ataque que sufre ela e o seu irmán...), e que lle serve a autora para sacarlle todo o dramatismo aos acontecementos (incendio, pobreza dos habitantes, lei inxusta...); e a muller adulta que reflexiona e fainos reflexionar -xa que somos nos como adultos os que recompoñemos a historia- sobre os acontecementos da súa infancia.
  • O tema da ironía e a risa nunha novela que é tráxica, centrado nas aventuras dos nenos e a súa visión da realidade.
  • O tema da sensatez, a xusticia, a coherencia, a integridade representado na figura de Atticus, héroe anónimo que consegue a paz convencendo os demais da súa postura equivocada.

Rematamos a reunión comparando a novela con outras do seu xénero Criadas  e Señoras, A cabana do tío Tom, As aventuras de Tom Sawyer...