mércores, 4 de xuño de 2014

FALAMOS DE "O DIARIO DE ANA FRANK"

O mércores 30 de abril, celebrouse a reunión do Club de Lectura A Illa dos Libros grupo Os Choquiños para falar de O diario de Ana Frank.


Baseada nun feito real, o diario narra as vivencias de Ana Frank, nena xudía, durante os anos que estivo escondida, xunto coa súa familia e catro persoas máis, nun faiado secreto dun edificio en Holanda, ata que foi descuberta e enviada a un campo de concentración nazi onde morreu.

Comezou a reunión situando a obra no seu contexto histórico: a Alemaña nazi, a ocupación por parte de Alemaña de Europa, a 2ª Guerra Mundial e a exterminación dos xudeos. A continuación pasamos a comentar o libro. Falouse, entre outras cousas, de:
  • A soidade que debeu sentir a protagonista e escritora do Diario, Ana Frank, ao non se poder relacionar con outros nenos da súa idade ao ter que estar escondida nesa bufarda. Isto queda reflectido en que Ana Frank lle escribe a Kitty, unha amiga imaxinaria.
  • O amor que xorde entre Peter e Ana a pesar de todas as preocupacións e do medo que se vivía naquel escondedoiro.
  • A relación que Ana mantiña cos seus pais, e máis en concreto coa súa nai, xa que sempre estaban discutindo.
  • O tema da solidariedade, encarnada nos amigos que os axudan facendo contrabando de comida e roupa para eles, con gran risco para as súas propias vidas.

  • A discriminación, a intolerancia o medo na Alemaña nazi que sofrían non so os xudeos, senón tamén outros grupos sociais comop os xitanos, os homosexuais, os discapacitados psíquicos...; e como estas situacións seguen repetíndose na actualidade: Ucraína, Rusia, antiga Yugoslavia, Ruanda...
  • A necesidade de coñecer a historia para que estes feitos non se volvan a repetir.
  • Como escribir perpetúa a persoa que escribe. Coñecemos a historia de Ana frank polo seu Diario. Ela perviviu e converteuse no símbolo dos nenos xudeos da época nazi.

Ningún comentario:

Publicar un comentario