luns, 10 de marzo de 2014

FALAMOS DE "DRAGAL"

O mércores 12 de febreiro, celebrouse a reunión do Club de Lectura A Illa dos Libros grupo Os Choquiños para intercambiar impresións sobre a novela de Elena Gallego Dragal.




Acompañados dun bo refrixerio, comezou a reunión cunha pequena introdución sobre a autora e a súa obra. A continuación pasamos a falar sobre o que nos parecera o libro.

Para todos Dragal é unha novela de iniciación, onde os personaxes protagonista presentan un proceso de maduración que marca o seu camiño cara á idade adulta, influídos pola realidade que viven ao seu arredor.


Por un lado temos a Hadrián, un mozo de 16 anos, sen ganas de estudar e de facerlle caso á vida real, que prefire vivir encerrado en si mesmo; marcado sobre todo pola morte do seu pai e por como ese feito determina a súa vida: traslado da cidade ao pobo, busca de novos amigos, descubrimento da súa orixe e do que realmente é. Polo outro está Mónica, unha boa rapaza, estudosa e como Hadrián solitaria que se sente atraída por el. Os dous convértense nos "frikis" do instituto, o que os leva a conxeniar e co tempo a namorarse. Destacouse como a autora aproveita este illamento para tocar os temas da integración e a marxinación que sofren os dous adolescentes, o famoso acoso escolar, por parte dos seus compañeiros. Coincidimos todos en que Mónica era o contrapunto de Hadrián, a lóxica, a sensatez, a conciencia.

Polo que respecta os outros personaxes gustou o papel da profesora de matemáticas preocupado polos seus alumnos e o do cura don Xurxo, personaxe estraño e cheo de misterio, que nalgúns momentos da historia resulta incongruente.

Pero o que realmente chamou a atención e que fai especial ao libro é que a autora utilice as lendas e a mitoloxía da cultura e tradición popular galega para facer unha novela de fantasía. A historia documentada do último dragón galego, está recollida no Códice Calixtino, e moitos escenarios que aparecen na novela son lugares reais, como as Pozas de Moura e as igrexas románicas con dragónes nas bóvedas, que podemos encontrar no percorrido do Camiño de Santiago. A imaxe do dragón utilizábase para intimidar os pecadores, deste xeito elementos máxicos da cultura popular pasan a formar parte da cultura cristiá. Era moi común construír edificios cristiáns (igrexas) en lugares de culto profano, pensábase que estes lugares tiñan unha enerxía especial.

Concluímos que o libro representa a eterna loita entre o ben e o mal. O dragón no que se converte Hadrián é bo ou é malo? No fondo ninguén é bo nin malo, non se pode ser tan simple á hora de analizar un personaxe e sobre todo a unha persoa.

Para finalizar comentar que o que menos gustou do libro foi o seu  final aberto que te obriga a ler a segunda e a terceira parte da triloxía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario