luns, 14 de decembro de 2015

FALAMOS DE AS VACACIÓNS DO NICOLASIÑO

O mércores 2 de decembro, celebrouse a reunión do Club de Lectura A Illa dos Libros grupo Os Choquiños para falar de As vacacións do Nicolasiño.


As vacacións do Nicolasiño cóntanos todas as aventuras que lle suceden ao pequeno Nicolas nas súas vacacións despois do curso escolar. Nicolas despídese dos amigos e xa aparcados os libros, a familia ponse a elexir o sitio para iren de vacacións. Pero xorden os enredos de todos os anos... No hotel e na praia viven unha chea de situacións curiosas e divertidas.... Ao anom seguinte mándano a un campamento de verán. E alí pasa de todo...


Comezamos facendo unha pequena introducción do autor Rene Goscinny e o seu ilustrador Jean-Jacques Sempédestacando os aspectos relacionados coa súa vida e a obra que estamos a comentar. A continuación pasamos a comentar o libro.


O libro, en xeral, gustou ao alumnado polas travesuras que alí se contan de maneira divertida. (a algunha rapaza non lle gustou pola curta idade do protagonista)

A novela divídese en dúas partes: vacacións coa familia e no campamento. Pregúntase ao alumnado o que prefiren e hai
opinións en distintas direccións: as vantaxes das vacacións coa familia pero tamén a indepenencia dos nenos no campamento que en Francia son "colonias".

O pai ten que ter paciencia con Nicolás dado o carácter do neno. Ponse de manifiesto o punto de vista dos adultos, a súa visión do mundo en contraste co mundo infantil. Hoxe tamén os nenos seguen veno todo e maneira moi distinta aos maiores. É curioso que o mundo segue sendo igual. A infancia segue facendo trastadas. Falamos de como xogan agora os nenos.

Nicolás é un personaxe moi escéptico. Sempre hai unha
moralexa ou conclusión ao final de cada capítulo.

Póñese de manifiesto os aspectos cómicos da obra, empezando polos nomes dos protagonistas.

A nai aparece pouco pero ten decisión. Ten un estilo máis parecido ao mundo dos nenos.

Rematamos comentando as emocións contidas do protagonistaen moitos momentos. Custa moito mostrar os sentimentos.



FALAMOS DE SETE CAVEIRAS

O martes 1 de decembro, celebrouse a reunión do Club de Lectura A Illa dos Libros grupo Os Chocos para falar de Sete caveiras.



Sete caveiras, ambientada na cidade de Vigo dos anos 80, narra unha historia de misterio, durante a cal se suceden uns asasinatos, a cada cal máis macabro. Á inversa que en Dez Negritos, de Agatha Christie, a medida que aparecen cadáveres flotando na ría, tamén aparecen xoguetes. En concreto uns bonecos de Famobil, a firma primitiva de
Playmobil. A xornalista Marta Vilas verase no medio dun misterio que, aínda que non lle concierne, dalgunha forma obrígalle a chegar ata o fondo do asunto. Acompañada polo inestimable obxectivo do seu cámara, a tenaz protagonista tentará seguir o fío dos acontecementos ata chegar ao asasino? antes de que sexa demasiado tarde.

Comezamos facendo unha pequena introducción sobre a obra  e sobre a autora Elena Gallego e a continuación
pasamos a comentar o libro. 

Sete caveiras é un libro entretido, ben escrito que atrae desde o comezo por tratarse dunha novela policiaca negra.

Nesta novela policiaca descubrimos os seguintes temas:

  • O xornalismo: faise unha rivindicación desta profesión
    poñendo de relevo o seu carácter ético e de compromiso.
  • O compromiso profesional que chega ao punto de antepor a vida profesional á particular.
  • A reflexión sobre os efectos prexudicioais da "movida dos 80" colocándoos en paralelo coa actualidade: drogadicción, violencia, desemprego (sobre todo o naval)
Tamén descubrimos algunha semellanza coa obra de A. Christie, como por exemplo, cando aparece un pequeno boneco a carón de cada corpo asasinado. Ao mesmo tempo o personaxe de Marta Vilas semella ser un "alter ego" da autora.

Polo que se refire ao mundo violento que se transparenta na obra, achaácase á decadencia social, a sociedade inxusta e
desigual xera violencia. Unha sociedade enfadada e desesperada acaba producindo monstruos.

Cando toca o tema do mundo do xornalismo faino para loar os profesionais íntegros fronte aos que só buscan o aspecto morboso e truculento da noticia. Os profesionais do xornalismo, ademais de ser íntegros e veraces na súa información deben fuxir de gañar audiencia ou lectores mediante o uso do sentimentalismo e a rexouba.

Xa para rematar, destacar que un dos aspectos que máis gustou da obra foi que falara e describise o ambiente musical da época, uníndoo á realidade o momento. A realidade social queda perfectamente descrita grazas as cancións que se van suxerindo ao longo da obra.



mércores, 4 de novembro de 2015

XUNTANZAS DO CLUB DE LECTURA "A ILLA DOS LIBROS"

Aquí deixovos as datas das reunións para os libros As vacacións do Nicolasiño  Sete caveiras .  Leede ben xa que como sabedes temos dous grupos:
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOCOS (3º e 4º ESO) Sete caveiras: Martes 1 de decembro de 2015, ás 11:30 h na biblioteca do IES.
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOQUIÑOS (1º e 2º ESO) As vacacións do Nicolasiño: Mércores 2  de decembro de 2015, ás 11:30 h na biblioteca do IES.

mércores, 21 de outubro de 2015

XA TEMOS TRES ANOS!!!

Ola a todas e todos, CHOQUIÑOS  CHOCOS. Este ano somos 116!!! O noso Club de Lectura "A Illa dos Libros" ponse de novo en marcha neste curso escolar 2015- 2016 con moitas ganas de compartir novas lecturas e todas as emocións, pasións e coñecementos que atopedes nelas.

Como este ano hai novas incorporacións ao noso Club imos recordarlles a organización, para que non se anden perdendo de reunión en reunión. 
  • A Illa dos Libros: Os Choquiños”:
-  Grupo de alumnos de 1º da ESO 
-  Grupo de alumnos de 2º da ESO 
  • A Illa dos Libros: Os Chocos”:
-  Grupo de alumnos de 3º da ESO 
-  Grupo de alumnos de 4º da ESO 

Aproveito para deixarvos algunhas das fotos que fixemos na festa de despedida do Club de lectura en xuño do curso 2013-2014










martes, 22 de setembro de 2015

XA ESTAMOS AQUÍ DE NOVO





GUSTACHE LER 


Outro ano máis o Club de Lectura A Illa dos Libros abre a súas portas a novas incorporacións polo que se:
  • queres coñecer historias fantásticas
  • comentar libros cos teus compañeiros
  • vivir aventuras
  • sentir emocións fortes
  • achegarte o mundo no que vivimos
  • compartir con nos a paixón por unha boa lectura
  • recomendar libros os teus compañeiros
  • buscar o teu libro de cabeceira
  • soñar, rir, imaxinar, chorar, pensar, reflexionar, viaxar...
Achegate o venres 25 de setembro a Biblioteca do noso IES na hora do recreo 11.30h.  


ESPERÁMOSTE


luns, 22 de xuño de 2015

FALAMOS DE "O VIXÍA NO CENTEO"

O mércores 17 de xuño, celebrouse unha nova reunión do Club de Lectura A Illa dos Libros grupo Os Chocos para falar de O vixía no centeo.




O víxia no centeo narra as peripecias do adolescente Holden Caulfield nunha Nova York que se recupera da guerra. Na súa confesión sincera e sen disimulos, moi lonxe da visión melosa que imperaba da adolescencia ata entón, Holden desvélanos a realidade dun rapaz enfrontado ao fracaso escolar, ás ríxidas normas dunha familia tradicional, á experiencia da sexualidade máis alá do mero desexo.

Comezamos facendo un repaso a biografía do autor, J.D. Salinger, destacando os aspectos relacionados coa publicación da súa obra.
A continuación pasamos a comentar o libro. Falamos , entre outras cousas, de:
  • A sociedade de Nova York e, en xeral, da a sociedade estadunidense despois da Segunda Guerra Mundial.
  • As notas autobiográficas que presenta a novela como son que o protagonista está ingresado nun psiquiátrico, acada malos resultados académicos oua decisión de ir á guerra, feito que marcará o seu carácter.
  • Que trátase dunha novela de iniciación, xa que nos leva desde a infancia á madurez do protagonista.
  • Que Holden Caulfield é un ser marxinal, pero de clase media-alta, porque utiliza un vocabulario pouco coidado e ata vulgar e porque el mesmo define a súa infancia como "piollosa".

  • A problemática dun adolescente inadaptado ao sistema que presenta o libro, el é capaz e hai profesores que o axudan, pero o sistema educativo e social fórzano a irse marxinando.
  • A parte emocional que mostra o protagonista, el está traumatizado pola morte do seu irmán e pola descuberta da dor por ese falecemento. E por iso polo que protexe a súa irmá pequena e porque ve nela a trasparencia e a falta de hipocresía e mentira.
  • O fracaso de Holden Caulfield nos estudos e no amor, él desexa ser adulto pero sen pasar a etapa de
    transición por iso fracasa.
  • O diálogo que o protagonista mantén con dous dos seus antigos profesores. Descubrimos dous modelos. Por un lado está o vello profesor que o acariña e intenta levalo polo bo camiño. Ao seu carón está o profesor novo que o entende porque el tamén rompe coa norma, non é tampouco un modelo a seguir (é acólico e ten unha relación especial coa muller).
Para rematar dicir que o libro gustou moito porque a temática conecta coas inquietudes do alumnado adolescente. Os alumnos destacaron que o protagonista fose un adolescente expulsado do seu instituto que non quere que os seus pais o saiban. E precisamente, o seu éxito débese a esa trasgresión que presenta (vocabulario vulgar, crica aos pais, adolescente marxinal,...) nunha sociedade tan puritan como é a americana.


venres, 19 de xuño de 2015

FALAMOS DE "CATHERINE"

O xoves 18 de xuño, celebrouse a reunión do Club de Lectura A Illa dos Libros grupo Os Choquiños para falar de Catherine.


Catherine cóntanos a infancia en París dunha nena a través duns cantos esfiañados e desenfocados recordos. A súa nai, bailarina de pouca fama en cabarés e que ten que emigrar a Estados Unidos para buscarse un futuro, mentres que o seu pai, que trapichea con todo tipo de mercadoría nun grande almacén xunto a un curioso e impertinente socio, son a única familia de Catherine. Ela estuda e comeza as súas primeiras prácticas de ballet nunha escola de danza dunha muller rusa, Madame Dismailova, aínda que a súa orixe é incerta.
Para bailar obrígalle a quitar os lentes, xa que unha bailarina non pode levalas ao bailar, e a través diso Catherine descobre un novo mundo, máis suave e fermoso, máis esvaído e imaxinativo, ao que acode a miúdo. E ás veces xunto a seu pai.

Comezamos facendo unha pequena introducción do autor Patrick Modiano, destacando os aspectos relacionados coa súa vida e a obra que estamos a comentar.

A continuación pasamos a comentar o libro. Falamos , entre outras cousas, de:

  • A importancia de que un escritor que acada o premio Nobel dedíquese tamén a facer relatos e novelas para un público xuvenil.
  • O elemento vertebrador: as gafas. A protagonista ve dúas realidades íntimamente unidas: o mundo real e o mundo soñado, borroso e imaxinado.
  • A protagonista é unha rapaza inocente que mira ao mundo sen maldade. Ás veces, quereriamos ser así: poder ver un mundo ideal e feliz. Comenta a infancia desde a madurez, pois cando escribe o relato ela xa é adulta. A obra está ambientada na posguerra.
  • Resulta moi curioso o personaxe da nai, bailarina non de ballet clásico senón de cabaré. Elucubramos as razóns polas que a nai marchou do fogar. Decatámonos da importancia dunha fotografía como elemento que permite descifrar aspectos da trama.
  • Ao pai, home moi positivo, posiblemente contrabandista, atopámoslle parecido co protagonista da película "La vida es bella", pois ambos transforman a realidade para amosar un mundo agradable para os seus fillos. Pola contra, o socio deste home é unha persoa gris; quere facerse importante como poeta pero resulta ridículo e pedante.
Rematamos a reunión chegando a conclusión de que Catherine é unha novela sen acción pero dun gran mundo interior onde priman os sentimentos e os recordos.

mércores, 6 de maio de 2015

XUNTANZAS DO CLUB DE LECTURA "A ILLA DOS LIBROS"

Aquí deixovos as datas das reunións para os libros Catherine O vixía no centeo .  Leede ben xa que como sabedes este ano o Club dividiuse en dous grupos:
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOQUIÑOS (1º e 2º ESO) Catherine: Xoves 18 de xuño de 2015, ás 11:30 h na biblioteca do IES.
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOCOS (3º e 4º ESO) O vixia no centeo: Mércores 17 de xuño de 2015, ás 11:30 h na biblioteca do IES.

xoves, 30 de abril de 2015

FALAMOS DE "UN FELIZ MUNDO NOVO"

O mércores 22 de abril, celebrouse a reunión do Club de Lectura A Illa dos Libros grupo Os Chocos para falar de Un feliz mundo novo.



Un feliz mundo novo, transcorre en londres no ano 2540. trátase dunha visión irónica e ambigua dunha suposta utopía ambientada no futuro. Anticipa o desenvolvemento en tecnoloxía reprodutiva, cultivos humanos e hipnopedia que, combinadas, cambian radicalmente a sociedade humana. Presenta unha humanidades desenfadada, saludable e
avanzada tecnolóxicamente, estando erradicadas a guerra e a pobreza e cunha felicidade permanente. Porén, foron eliminados aspectos como la familia, amor, a diversidades cultural, arte, ciencia, relixión e filosofía.

Comezamos facendo unha pequena introducción sobre a obra (concepto de distopía, sodiedade ideal na que todo o mundo é feliz e na que se busca o ben social...) e sobre o autor Aldous Huxley: escritor e xornalista, gran viaxeiro, interesado polo misticismo e as drogas, morto o mesmo día que Kennedy.

A continuación pasamos a comentar o libro. Falamos , entre outras cousas, de:
  • Cómo é a sociedade que presenta a novela? 
  • Presenta algunha relación coa sociedade actual? 
  • Seríamos persoas estando tan controladas?
  • Sublimación da sociedade capitalista. O individuo non existe e o consumo prevalece por riba de todo.
  • O fanatismo e fundamentalismo, xermen do nazismo, que aparece na novela.
  • Influencias que tipo o libro na literatura actual e no cine.
  • A gran presencia da figura de Shakespeare en toda a obra.
  • A falta de relacións familiares, simplemente cóbrense as necesidades físicas do individuo.
Rematamos a reunión argumentando sobre o que podería pasar se o home deixase doblegar por unha sociedade no que prime a tecnoloxía.

mércores, 29 de abril de 2015

FALAMOS DE "BILLY ELLIOT"

O xoves 23 de abril, celebrouse a reunión do Club de Lectura A Illa dos Libros grupo Os Choquiños para falar de Billy Elliot.



Billy Elliot conta a historia dun neno que loita contra os estereotipos e os prexuizos dunha comunidade patriarcal, pobre e de mente pechada, na Inglaterra dos anos 80. Época convulsa de goberno de Margaret Thatcher: reconversión industrial, paro, flogas de mineiros...

Comezamos a reunión situando a obra no seu contexto histórico: a Inglaterra dos anos 80, e  a continuación citáronse algúns datos do autor, Melvin Burguess.


Preguntoselle aos asistentes se viran a película na que se basea o novela. A continuación pasamos a comentar o libro. Falouse, entre outras cousas, de:


  • Os prexuizos sociais, o seu pai quere que faga boxeo e que cando creza sexa mineiro, como el. Que Billy faga ballet, choca coa forma de pensar do seu pai e da xente do pobo onde vive. Todos coincidimos na mentalidade pechada que presenta o seu pai e en que, como fai Billy, non deberiamos deixarnos levar por "o que dirán" e tratar de conseguir o que un quere.
  • A homosexualidade, marcada na novela polos estereotipos: os homes fan boxeo, as mulleres ballet. Billy rompe con estes estereotipos, el fai ballet porque é o que máis lle gusta. Chegamos a conclusión de que o importante é ser unha persoa e non deixarnos influír polos patróns sociais.
  • A amizade e o respecto, mentres que algúns dos nenos do pobo o rexeitan por facer ballet; Michael, amigo de Billy e que tamén sofre rexeitamento social por ser homosexual, apoiao ata o final. Os bos amigos respéctante como persoa e respectan as túas decisións. Comentouse a frase "a miña liberdade remata onde comeza a liberdade do outro".
  • O esforzo e a loita, Billy representa o ideal de persoa que loita polo que un quere, polos seus sonos. El esfórzase e enfróntase a todo e a todos por conseguir o que quere, facer ballet. Falamos de que a perseveranza e a ilusión te levan a un bo final e que a imposición a traballar ou estudar algo que non che gusta, pode levarte a frustración.

mércores, 8 de abril de 2015

XUNTANZAS DO CLUB DE LECTURA "A ILLA DOS LIBROS"

Aquí deixovos as datas das reunións para os libros Billy Elliot Un feliz mundo novo .  Leede ben xa que como sabedes este ano o Club dividiuse en dous grupos:
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOQUIÑOS (1º e 2º ESO) A Billy Elliot: Xoves 23 de abril de 2015, ás 11:30 h na biblioteca do IES.
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOCOS (3º e 4º ESO) Un feliz mundo novo: Mércores 21 de abril de 2015, ás 11:30 h na biblioteca do IES.

venres, 20 de febreiro de 2015

FALAMOS DE "O CURIOSO INCIDENTE DO CAN Á MEDIA NOITE"

O mércores 11 de febreiro, celebrouse unha nova reunión do Club de Lectura A Illa dos Libros grupo Os Chocos para falar de O curioso incidente do can á media noite.



Este libro narra unha historia emotiva con trazos de novela policial, desde o punto de vista dun adolescente algo especial: Christopher, un mozo de quince anos que sofre síndrome de Asperge. Unha noite descobre o cadáver de Wellington, o can da súa veciña señora Shears, que aparece atravesado por unha forca. Este achado fará que se decida a investigar esta estraña morte como un detective, seguindo os pasos do seu ídolo Sherlock Holmes e
aplicando todos os seus coñecementos de lóxica dedutiva. A investigación converterase nun proceso de aprendizaxe para o protagonista que o fará coñecer a realidade da súa vida familiar e un pouco máis do pequeno mundo que o rodea.

Comezamos facendo un repaso a biografía do autor, Mark Haddon, destacando os aspectos relacionados coa publicación da súa obra.

Despois, entre todos, falamos dalgún dos temas que trata o libro:
  • superación persoal, chegamos a conclusión de que este é o tema principal da novela, e que calquera atranco que se nos poña por diante, con ganas, ambición e ansia de superación pode ser vencido, como
    fixo o personaxe principal, Christopher.
  • amor paterno.
  • respeto ao profesorado.
  • A difusión de coñecementos científicos. 
  • A mentira, que xunto cos personaxes da unidade a novela. Christopher non soporta a mentira, pero toda a sociedade está tinguida por ela.
Por último analizamos ao personaxe principal da novela, Christopher, un mozo que en primeira persoa conta a súa experiencia vital. Desde o comezo decatámonos que, en linguaxe coloquial, "ten problemas":

  • Vai a un colexio especial.
  • Non se lle pode tocar.
  • Non soporta os berros.
  • A rutina, tranquilízao; a desorde dálle medo.
  • Non admite a mentira.
  • Non entende a ironía e o dobre senso das palabras.
Gustanlle os animais porque son lóxicos e polo tanto previsibles, non menten e como non teñen linguaxe verbal, enténdeos mellor dado que son máis planos.

Descubrimos, así, o mundo de Christopher, un mundo que a el lle asemella moi complicado. E realmente si o é porque, para protexelo, o seu pai "mata" por dúas veces, pero méntelle para que non sufra. Primeiro mente cando se separa da nai, dille que morreu para que non se disguste. Por segunda vez mata, neste caso o can, porque non quere velo polo xardín. É un mundo de mentira polo que él decide investigar. Na primeira mitade do libro investiga a morte do can e na segunda parte vólvese máis sentimental e busca onde está súa nai.

xoves, 19 de febreiro de 2015

FALAMOS DE "A GRANXA DOS ANIMAIS"

O xoves 12 de fdebreiro, celebrouse a reunión do Club de Lectura A Illa dos Libros grupo Os Choquiños para falar de A granxa dos animais.



A granxa dos animais, escrita durante a Segunda Guerra Mundial, é unha sátira contra as ditaduras, unha fábula moderna publicada en 1945, na que George Orwell critica os totalitarismos e a corrupción, e nos fai reflexionar con mestría sobre as causas que os levan a desenvolverse e, sobre todo, a aceptalos. Orwell traslada este conto para adultos a un espazo de fantasía e dótao de carácter alegórico, onde os personaxes de ficción da novela simbolizan aos protagonistas de Revolución soviética.

Unha noite, cando o granxeiro jones vai durmir, todos os animais da Granxa Manor se reúnen e, liderados por un porco sabio, o vello Comandante, deciden loitar en contra dos seus amos. A rebelión triunfa, os humanos son botados a couces e os porcos Napoleón e Folerpa proclaman un novo sistema social baixo a lei que declara que "todos os animais son iguais". pero as ensinanzas do vello Comandante vense alteradas cando os seus sucesores chegan ao poder.

Comezamos facendo unha semblanza do autor, George Orwell, destacando os aspectos relacionados coa súa vida e a obra que estamos a comentar.

A continuación pasamos a comentar o libro. Falamos , entre outras cousas, de:

  • Que son as fábulas? podería tratarse esta novela dunha fábula?
  • Centramos o tema coa pregunta: como empeza a revolución? comentamos o papel dos porcos e o seu significado ao seren considerados personaxes principais.
  • Falamos dos mandamentos que establecen os animais, limos os que tiñan nun principio e os que quedaron ao remate.
  • Os símbolos da obra tamén son obxecto da nosa conversa: o papel das ovellas (campesinado asoballado), o corvo (a igrexa), a pezuña e o corno (facendo mofa da fouce e o martelo comunistas), a canción ou himno que crean como símbolo de poder, etc...
Rematamos a reunión argumentando sobre a importancia da linguaxe e o seu poder manipulador sobre a xente.

xoves, 22 de xaneiro de 2015

XUNTANZAS DO CLUB DE LECTURA "A ILLA DOS LIBROS"

Aquí deixovos as datas das reunións para os libros A Granxa dos animais   O curioso incidente de o can á media noite.  Leede ben xa que como sabedes este ano o Club dividiuse en dous grupos:
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOQUIÑOS (1º e 2º ESO) A granxa dos animais: Xoves 12 de febreiro de 2015, ás 11:30 h na biblioteca do IES.
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOCOS (3º e 4º ESO) O curioso incidente de o can a media noite: Mércores 11 de febreiro de 2015, ás 11:30 h na biblioteca do IES.

xoves, 8 de xaneiro de 2015

PROXECCION DA PELÍCULA "O SEÑOR DAS MOSCAS"


Para completar a lectura do libro do mes, o día 18 de decembro proxectouse para os nosos alumnos dos cursos de 3º e 4º da ESO a película O señor das moscas adaptación da novela homónima de Willian goldin. Película dirixida por Harry Hook no ano 1962 e interpretada por Balthazar Getty, Chris Furrn, Danuel Pipoly, James Badge Dale. Aquí deixovos algunhas imaxes da sesión.