martes, 21 de outubro de 2014

XUNTANZAS DO CLUB DE LECTURA "A ILLA DOS LIBROS"

Aquí deixovos as datas das reunións para os libros O Charlie e a fábrica de chocolate e  O Señor das moscas.  Leede ben xa que como sabedes este ano o Club dividiuse en dous grupos:
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOQUIÑOS (1º e 2º ESO) O Charlie e a fábrica de chocolate: Xoves 20 de novembro de 2014, ás 11:30 h na biblioteca do IES.
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOCOS (3º e 4º ESO) O Señor das moscas: Mércores 19 de novembro de 2014, ás 11:30 h na biblioteca do IES.

martes, 30 de setembro de 2014

UN ANO MÁIS

Ola a todas e todos, CHOQUIÑOS  CHOCOS. Este ano somos 90!!! O noso Club de Lectura "A Illa dos Libros" ponse de novo en marcha neste curso escolar 2014 - 2015 con moitas ganas de compartir novas lecturas e todas as emocións, pasións e coñecementos que atopedes nelas.

Como este ano hai moitas novas incorporacións ao noso Club imos recordarlles a organización, para que non se anden perdendo de reunión en reunión. 
  • A Illa dos Libros: Os Choquiños”:
-  Grupo de alumnos de 1º da ESO 
-  Grupo de alumnos de 2º da ESO 
  • A Illa dos Libros: Os Chocos”:
-  Grupo de alumnos de 3º da ESO 
-  Grupo de alumnos de 4º da ESO 

Aproveito para deixarvos algunhas das fotos que fixemos na festa de despedida do Club de lectura en xuño do curso 2013-2014










venres, 19 de setembro de 2014

APÚNTATE AO NOSO CLUB DE LECTURA

GUSTACHE LER pois xa estamos aquí de novo, o Club de Lectura A Illa dos Libros abre a súas portas a novas incorporacións polo que se:
  • queres coñecer historias fantásticas
  • comentar libros cos teus compañeiros
  • vivir aventuras
  • sentir emocións fortes
  • achegarte o mundo no que vivimos
  • compartir con nos a paixón por unha boa lectura
  • recomendar libros os teus compañeiros
  • buscar o teu libro de cabeceira
  • soñar, rir, imaxinar, chorar, pensar, reflexionar, viaxar...
Achegate o venres 26 de setembro a Biblioteca do noso IES na hora do recreo 11.30h.  


ESPERÁMOSTE



mércores, 25 de xuño de 2014

FALAMOS DE "RELATO DUN NÁUFRAGO"

O 17 de xuño o Club de Lectura A Illa dos Libros (Choquiños e Chocos) xuntámonos para falar da novela de García Márquez Relato dun Náufrago.


Comezamos a reunión cunha pequena introducción sobre o autor e o motivo polo que se escolleu este libro: para homenaxear ó autor co gallo do seu pasamento ocorrido o 16 de abril de 2014. A continuación pasamos a falar do libro. Comentouse, entre outras cousas, que:
  • A historia que conta o libro está baseada nun feito real: o contrabando ilegal nun buque da Armada colombiana, que custou a vida a sete mariñeiros e o naufraxio do protagonista, Luís Alejandro Velasco que estivo dez días á deriva. Estes feitos foron agachados e contados "a súa maneira" polo goberno e aquí descóbrese o engano co seguinte escándalo político.
  • O tema principal é o da soidade, un home só fronte ao seu destino. É, pois, un tema moi recorrente e dos preferidos do noso autor.
  • Nesta soidade o personaxe séntese valente, pero impotente para salvar os compañeiros. Cando reflexiona decátase de que é un heroe, un heroe co único mérito de non ter morto.
  • A súa fortaleza mental dálle a supervivencia, non hai outra razón da salvación. Esta salvación é esaxerada polos medios e él o único que quere amosar é o lado humano.

mércores, 4 de xuño de 2014

XUNTANZAS DO CLUB DE LECTURA "A ILLA DOS LIBROS"

Rematamos este ano as nosas xuntanzas falando do libro Relato de un náufrago. Por ser a derradeira e estar a ler os dous grupos o mesmo libro, a reunión será conxunta Aquí deixovos a data da reunión:
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOQUIÑOS (1º e 2º ESO) e OS CHOCOS (3º e 4º ESO) martes 17 de xuño de 2014, ás 11:30 h. na biblioteca do IES.

FALAMOS DE "O DIARIO DE ANA FRANK"

O mércores 30 de abril, celebrouse a reunión do Club de Lectura A Illa dos Libros grupo Os Choquiños para falar de O diario de Ana Frank.


Baseada nun feito real, o diario narra as vivencias de Ana Frank, nena xudía, durante os anos que estivo escondida, xunto coa súa familia e catro persoas máis, nun faiado secreto dun edificio en Holanda, ata que foi descuberta e enviada a un campo de concentración nazi onde morreu.

Comezou a reunión situando a obra no seu contexto histórico: a Alemaña nazi, a ocupación por parte de Alemaña de Europa, a 2ª Guerra Mundial e a exterminación dos xudeos. A continuación pasamos a comentar o libro. Falouse, entre outras cousas, de:
  • A soidade que debeu sentir a protagonista e escritora do Diario, Ana Frank, ao non se poder relacionar con outros nenos da súa idade ao ter que estar escondida nesa bufarda. Isto queda reflectido en que Ana Frank lle escribe a Kitty, unha amiga imaxinaria.
  • O amor que xorde entre Peter e Ana a pesar de todas as preocupacións e do medo que se vivía naquel escondedoiro.
  • A relación que Ana mantiña cos seus pais, e máis en concreto coa súa nai, xa que sempre estaban discutindo.
  • O tema da solidariedade, encarnada nos amigos que os axudan facendo contrabando de comida e roupa para eles, con gran risco para as súas propias vidas.

  • A discriminación, a intolerancia o medo na Alemaña nazi que sofrían non so os xudeos, senón tamén outros grupos sociais comop os xitanos, os homosexuais, os discapacitados psíquicos...; e como estas situacións seguen repetíndose na actualidade: Ucraína, Rusia, antiga Yugoslavia, Ruanda...
  • A necesidade de coñecer a historia para que estes feitos non se volvan a repetir.
  • Como escribir perpetúa a persoa que escribe. Coñecemos a historia de Ana frank polo seu Diario. Ela perviviu e converteuse no símbolo dos nenos xudeos da época nazi.

FALAMOS DE "A LADROA DE LIBROS"

O martes 29 de abril, celebrouse a reunión do Club de Lectura A Illa dos Libros grupo Os Chocos para falar de  A ladroa de libros.


O libro trasládanos á Alemaña nazi e narra a historia de unha nena de nove anos, Liesel Meminger, que tras a desaparición dos seus pais é adoptada pola familia Hubermann. Co seu pai adoptivo, Hans, a rapaza introducirase na literatura tras furtar o seu primeiro libro: O Manual Do Sepultureiro. na súa aventura, ademáis de descubrir o pracer da lectura, liesel coñecerá novos amigos, un neno fanático de Jesse Owens chamado Rudy, e un refuxiado xudeo, Max que se esconde no soto dos Hubermann.

Comezou a reunión con una pequena introducción sobre o autor e a súa obra e a continuación pasamos a falar sobre o que nos parecera a novela. Comentouse:
  • A idea de que as palabras son moi poderosas e que poden manipular a mente das persoas.
  • Que a lectura é, en moitos casos, o único medio para fuxir dunha realidade horrosa.
  • O tema da amizade. Na novela as relacións persoais colócanse por riba das imposicións; os amigos son amigos ata superar as prohibicións de manter esa relación, pasando tamén sobre os lazos familiares.
  • O tema da morte, que está presente desde o comezo do libro e a medida que lemos, imos agardando os sucesivos desenlaces. A visión da morte que da a novela está exenta de dramatismo, case da medo, xa que é unha morte humanizada.
  • A coherencia, o realismo e a solidariedade dos personaxes. Estes presentan varias contraposicións de caracteres, pero ao final triunfan sempre os sentimentos e os principios.
  • As marabillosas descricións, realistas e detalladas; sobre todo, das cores que nos transmiten sensacións e moven a nosa imaxinación.
  • A capacidade dos nenos para rir e xogar nas situacións máis dolorosas. A lectura e as palabras son quen de sosegalos nos episodios máis violentos.
  • A importancia do coñecemento: sabendo ler se é máis libre, xa que coa lectura aprendemos cousas e ese saber proporciona liberdade, polo que o coñecemento che da o poder de decidir por ti mesmo.
  • O xogo que se establece co libro de Hitler Mein Kampf: as follas do libro reutilizanse, así borran o horror escrito nelas e crean a súa propia "loita", un nova vida máis humanizada, solidaria e na que os sentimentos superan a barbarie.