mércores, 25 de xuño de 2014

FALAMOS DE "RELATO DUN NÁUFRAGO"

O 17 de xuño o Club de Lectura A Illa dos Libros (Choquiños e Chocos) xuntámonos para falar da novela de García Márquez Relato dun Náufrago.


Comezamos a reunión cunha pequena introducción sobre o autor e o motivo polo que se escolleu este libro: para homenaxear ó autor co gallo do seu pasamento ocorrido o 16 de abril de 2014. A continuación pasamos a falar do libro. Comentouse, entre outras cousas, que:
  • A historia que conta o libro está baseada nun feito real: o contrabando ilegal nun buque da Armada colombiana, que custou a vida a sete mariñeiros e o naufraxio do protagonista, Luís Alejandro Velasco que estivo dez días á deriva. Estes feitos foron agachados e contados "a súa maneira" polo goberno e aquí descóbrese o engano co seguinte escándalo político.
  • O tema principal é o da soidade, un home só fronte ao seu destino. É, pois, un tema moi recorrente e dos preferidos do noso autor.
  • Nesta soidade o personaxe séntese valente, pero impotente para salvar os compañeiros. Cando reflexiona decátase de que é un heroe, un heroe co único mérito de non ter morto.
  • A súa fortaleza mental dálle a supervivencia, non hai outra razón da salvación. Esta salvación é esaxerada polos medios e él o único que quere amosar é o lado humano.

mércores, 4 de xuño de 2014

XUNTANZAS DO CLUB DE LECTURA "A ILLA DOS LIBROS"

Rematamos este ano as nosas xuntanzas falando do libro Relato de un náufrago. Por ser a derradeira e estar a ler os dous grupos o mesmo libro, a reunión será conxunta Aquí deixovos a data da reunión:
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOQUIÑOS (1º e 2º ESO) e OS CHOCOS (3º e 4º ESO) martes 17 de xuño de 2014, ás 11:30 h. na biblioteca do IES.

FALAMOS DE "O DIARIO DE ANA FRANK"

O mércores 30 de abril, celebrouse a reunión do Club de Lectura A Illa dos Libros grupo Os Choquiños para falar de O diario de Ana Frank.


Baseada nun feito real, o diario narra as vivencias de Ana Frank, nena xudía, durante os anos que estivo escondida, xunto coa súa familia e catro persoas máis, nun faiado secreto dun edificio en Holanda, ata que foi descuberta e enviada a un campo de concentración nazi onde morreu.

Comezou a reunión situando a obra no seu contexto histórico: a Alemaña nazi, a ocupación por parte de Alemaña de Europa, a 2ª Guerra Mundial e a exterminación dos xudeos. A continuación pasamos a comentar o libro. Falouse, entre outras cousas, de:
  • A soidade que debeu sentir a protagonista e escritora do Diario, Ana Frank, ao non se poder relacionar con outros nenos da súa idade ao ter que estar escondida nesa bufarda. Isto queda reflectido en que Ana Frank lle escribe a Kitty, unha amiga imaxinaria.
  • O amor que xorde entre Peter e Ana a pesar de todas as preocupacións e do medo que se vivía naquel escondedoiro.
  • A relación que Ana mantiña cos seus pais, e máis en concreto coa súa nai, xa que sempre estaban discutindo.
  • O tema da solidariedade, encarnada nos amigos que os axudan facendo contrabando de comida e roupa para eles, con gran risco para as súas propias vidas.

  • A discriminación, a intolerancia o medo na Alemaña nazi que sofrían non so os xudeos, senón tamén outros grupos sociais comop os xitanos, os homosexuais, os discapacitados psíquicos...; e como estas situacións seguen repetíndose na actualidade: Ucraína, Rusia, antiga Yugoslavia, Ruanda...
  • A necesidade de coñecer a historia para que estes feitos non se volvan a repetir.
  • Como escribir perpetúa a persoa que escribe. Coñecemos a historia de Ana frank polo seu Diario. Ela perviviu e converteuse no símbolo dos nenos xudeos da época nazi.

FALAMOS DE "A LADROA DE LIBROS"

O martes 29 de abril, celebrouse a reunión do Club de Lectura A Illa dos Libros grupo Os Chocos para falar de  A ladroa de libros.


O libro trasládanos á Alemaña nazi e narra a historia de unha nena de nove anos, Liesel Meminger, que tras a desaparición dos seus pais é adoptada pola familia Hubermann. Co seu pai adoptivo, Hans, a rapaza introducirase na literatura tras furtar o seu primeiro libro: O Manual Do Sepultureiro. na súa aventura, ademáis de descubrir o pracer da lectura, liesel coñecerá novos amigos, un neno fanático de Jesse Owens chamado Rudy, e un refuxiado xudeo, Max que se esconde no soto dos Hubermann.

Comezou a reunión con una pequena introducción sobre o autor e a súa obra e a continuación pasamos a falar sobre o que nos parecera a novela. Comentouse:
  • A idea de que as palabras son moi poderosas e que poden manipular a mente das persoas.
  • Que a lectura é, en moitos casos, o único medio para fuxir dunha realidade horrosa.
  • O tema da amizade. Na novela as relacións persoais colócanse por riba das imposicións; os amigos son amigos ata superar as prohibicións de manter esa relación, pasando tamén sobre os lazos familiares.
  • O tema da morte, que está presente desde o comezo do libro e a medida que lemos, imos agardando os sucesivos desenlaces. A visión da morte que da a novela está exenta de dramatismo, case da medo, xa que é unha morte humanizada.
  • A coherencia, o realismo e a solidariedade dos personaxes. Estes presentan varias contraposicións de caracteres, pero ao final triunfan sempre os sentimentos e os principios.
  • As marabillosas descricións, realistas e detalladas; sobre todo, das cores que nos transmiten sensacións e moven a nosa imaxinación.
  • A capacidade dos nenos para rir e xogar nas situacións máis dolorosas. A lectura e as palabras son quen de sosegalos nos episodios máis violentos.
  • A importancia do coñecemento: sabendo ler se é máis libre, xa que coa lectura aprendemos cousas e ese saber proporciona liberdade, polo que o coñecemento che da o poder de decidir por ti mesmo.
  • O xogo que se establece co libro de Hitler Mein Kampf: as follas do libro reutilizanse, así borran o horror escrito nelas e crean a súa propia "loita", un nova vida máis humanizada, solidaria e na que os sentimentos superan a barbarie.

martes, 11 de marzo de 2014

XUNTANZAS DO CLUB DE LECTURA "A ILLA DOS LIBROS"

Aquí deixovos as datas das reunións para os libros O Diario de Ana Frank e A Ladroa de Libros.  Leede ben xa que como sabedes este ano o Club dividiuse en dous grupos:
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOQUIÑOS (1º e 2º ESO) O Diario de Ana Frank: Mércores 30 de abril de 2014, ás 11:30 h na biblioteca do IES.
  • A ILLA DOS LIBROS: OS CHOCOS (3º e 4º ESO) A Ladroa de Libros: Martes 29 de abril de 2014, ás 11:30 h na biblioteca do IES.

FALAMOS DE "A ISLA DE BOWEN"

O mércores 19 de febreiro reuniuse o grupo Os Chocos do Club de Lectura A Illa dos Libros para falar da novela de Cesar Mallorquí A Illa de Bowen.

Comezou a reunión cunha pequena presentación sobre o autor e a súa obra, para pasar, a continuación, a comentar o libro.




Para todos A Illa de Bowen é unha volta á novela de aventuras do século XIX. Lendo o libro relés a Julio Verne, a George Wells, a Arthur Conan Doyle e a Stevenson. Está claro que esa era a intención do autor ao escribir a novela. Hai múltiples referencias á obra de Verne –Phineas Fogg e o capitán Nemo son nomeados na novela-, así como xogos metaliterarios -o propio Conan Doyle dá unha conferencia no libro-. Así nos mostra o autor a influencia que estas lecturas tiveron sobre el. Ademais, a curiosidade científica que as historias de Julio Verne tiñan, plásmanse no texto.

En canto aos personaxes da novela coincidimos en que son, na súa maioría, uns personaxes entrañables, aínda que resulten planos e caricaturescos, cortados cun patrón bastante claro e tópico: científico desorganizado e caótico, fotógrafo novo que non sabe onde se mete, malo malísimo... Son arquetipos, pero están ben utilizados.

Un dos temas que máis se comentou foron os personaxes femininos da novela. O papel da muller no libro está desprestixiado, os personaxes masculinos son machistas e son os femininos, Elisabeth e Kathy, os que demostran, a medida que a historia se vai desenvolvendo, a capacidade intelectual e física da muller.

Outro dos temas que se comento moito na reunión, foi a historia de amor entre Durango e Kathy, aínda que dende o primeiro momento estaba claro que ían acabar namorándose, a todos nos pareceu preciosa ademais dun canto ao amor.


Chamounos a atención a tremenda historia de Samuel Durango, as fotos de guerra, a súa vida tétrica...; o acepta o traballo para escapar e acaba encontrándose a si mesmo.

O final da novela sorprendeunos e recordounos a algunhas películas de ciencia-ficción. A nosa pregunta foi. Por que a suposta intelixencia artificial non os elimina?


luns, 10 de marzo de 2014

FALAMOS DE "DRAGAL"

O mércores 12 de febreiro, celebrouse a reunión do Club de Lectura A Illa dos Libros grupo Os Choquiños para intercambiar impresións sobre a novela de Elena Gallego Dragal.




Acompañados dun bo refrixerio, comezou a reunión cunha pequena introdución sobre a autora e a súa obra. A continuación pasamos a falar sobre o que nos parecera o libro.

Para todos Dragal é unha novela de iniciación, onde os personaxes protagonista presentan un proceso de maduración que marca o seu camiño cara á idade adulta, influídos pola realidade que viven ao seu arredor.


Por un lado temos a Hadrián, un mozo de 16 anos, sen ganas de estudar e de facerlle caso á vida real, que prefire vivir encerrado en si mesmo; marcado sobre todo pola morte do seu pai e por como ese feito determina a súa vida: traslado da cidade ao pobo, busca de novos amigos, descubrimento da súa orixe e do que realmente é. Polo outro está Mónica, unha boa rapaza, estudosa e como Hadrián solitaria que se sente atraída por el. Os dous convértense nos "frikis" do instituto, o que os leva a conxeniar e co tempo a namorarse. Destacouse como a autora aproveita este illamento para tocar os temas da integración e a marxinación que sofren os dous adolescentes, o famoso acoso escolar, por parte dos seus compañeiros. Coincidimos todos en que Mónica era o contrapunto de Hadrián, a lóxica, a sensatez, a conciencia.

Polo que respecta os outros personaxes gustou o papel da profesora de matemáticas preocupado polos seus alumnos e o do cura don Xurxo, personaxe estraño e cheo de misterio, que nalgúns momentos da historia resulta incongruente.

Pero o que realmente chamou a atención e que fai especial ao libro é que a autora utilice as lendas e a mitoloxía da cultura e tradición popular galega para facer unha novela de fantasía. A historia documentada do último dragón galego, está recollida no Códice Calixtino, e moitos escenarios que aparecen na novela son lugares reais, como as Pozas de Moura e as igrexas románicas con dragónes nas bóvedas, que podemos encontrar no percorrido do Camiño de Santiago. A imaxe do dragón utilizábase para intimidar os pecadores, deste xeito elementos máxicos da cultura popular pasan a formar parte da cultura cristiá. Era moi común construír edificios cristiáns (igrexas) en lugares de culto profano, pensábase que estes lugares tiñan unha enerxía especial.

Concluímos que o libro representa a eterna loita entre o ben e o mal. O dragón no que se converte Hadrián é bo ou é malo? No fondo ninguén é bo nin malo, non se pode ser tan simple á hora de analizar un personaxe e sobre todo a unha persoa.

Para finalizar comentar que o que menos gustou do libro foi o seu  final aberto que te obriga a ler a segunda e a terceira parte da triloxía.