MATAR A UN REISEÑOR

“Preferiría que disparásedes contra botes baleiros no patio traseiro, pero sei que perseguiredes os paxaros.  Matade todos as pegas azuis que queirades, se podedes darlles, pero recordade que matar  un reiseñor é pecado. (…) Os reiseñores non se dedican a outra cousa que cantar para alegrarnos. Non devoran a froita dos hortos, nin comida nos celeiros, non fan máis nada que derramar o corazón, cantando para o noso deleite. Por iso é pecado matar a un reiseñor”


Palabras de sabiduría de Atticus Finch



Ficha técnica



Título: Matar a un Ruiseñor
Título orixinal: To Kill A Moockingbird
Autor: Harper Lee
Xénero: Narrativa
Editorial: Zeta Bolsillo






Sinopse

A historia transcorre ao longo dun período de tres anos durante a Gran Depresión no pobo ficticio de Maycomb, Alabama. A narradora é Scout Finch, de seis anos de idade, quen vive co seu irmán maior Jem e o seu pai Atticus, un avogado viúvo de mediana idade. Jem e Scout collen amizade cun neno chamado Dill que está de visita en Maycomb durante o verán e que
se hospeda na casa da súa tía. Os tres pícaros están aterrorizados e á vez fascinados polo seu veciño «Boo» Radley, quen posúe un carácter de cazurro. Os adultos de Maycomb evitan falar sobre Boo e moi poucos o viron en anos. Os nenos alimentan a súa imaxinación con rumores sobre as aparicións de Boo e as razóns polas que permanece escondido, e elaboran fantasías e plans sobre como poderían incitalo para que saia da súa casa. Tras dous veráns de amizade con Dill, Scout e Jem comezan a recibir pequenos agasallos que alguén coloca nunha árbore próxima á casa de Radley. Varias veces, o misterioso Boo failles pequenos presentes aos nenos, pero para desengano deles, nunca aparece en persoa.

A Atticus encárganlle a defensa dun home de raza negra chamado Tom Robinson, acusado de violar a unha moza branca chamada Mayella Ewell. Aínda que moitos dos habitantes de Maycomb non están de acordo, Atticus acepta defender a Tom do mellor xeito posible. Outros nenos búrlanse de Jem e Scout por mor da posición que toma Atticus, ao que chaman
"amante dos negros". Aínda que o seu pai lle advertiu que non o faga, Scout séntese tentada a defender o honor do seu pai en pelexas. Atticus, por outra banda, debe enfrontarse ao intento dun grupo de homes que queren linchar a Tom. Scout, Jem e Dill logran desbaratar esta ameaza cando aparecen na escena e logran que a turba se disperse ao facerlles comprender a situación desde o punto de vista de Atticus e Tom.

Dado que Atticus non desexa que os nenos presencien o xuízo de Tom Robinson, Scout, Jem e Dill obsérvano en segredo desde o balcón destinado aos negros. Atticus logra probar que tanto Mayella como o seu pai Bob Ewell, o borracho do pobo, menten nas súas acusacións. Tamén se comproba que Mayella estivera realizando insinuacións de natureza sexual a Tom cando o seu pai a sorprendeu. Aínda que existe unha evidencia considerable sobre a
inocencia de Tom, o xurado atópao culpable. A fe que Jem tiña na xustiza vese sacudida cando Tom, condenado e desesperado, intenta escapar da prisión e recibe un tiro.
Humillado polo que se revelou durante o xuízo, Bob Ewell xura vingarse. Bob atópase con Atticus na rúa e cóspelle na cara, trata de irromper na casa do xuíz que presidiu o xuízo e ameaza á viúva de Tom Robinson. Finalmente, ataca aos indefensos Jem e Scout cando se dirixían camiñando á súa casa de regreso dunha feira de Halloween na escola. Na disputa Bob Ewell rómpelle un brazo a Jem, pero no medio da confusión aparece alguén que rescata os nenos. O home misterioso leva a Jem á súa casa e Scout dáse conta que o home que os axuda non é outro que o insociable Boo Radley.

O sheriff discute con Atticus sobre a oportunidade e ética de considerar a Jem ou Boo responsables do feito. Atticus finalmente acepta a historia do sheriff no sentido de que Ewell simplemente caeu sobre o seu propio coitelo. Boo pídelle a Scout que o acompañe ata á súa casa, e cando ela se despide, el desaparece novamente. Mentres ela está parada no porche da casa de Radley, Scout imaxina como debe ser a vida desde a perspectiva de Boo e laméntase de que eles nunca lle agradeceron os obsequios que el lles fixo.

A figura de Atticus Finch é «ideal», un modelo a seguir, o arquetipo de home xusto, de bo pai que sempre fai o que cre que debe malia ás dificultades, isto é, un home coherente.


A novela está repleta de moitos personaxes memorables, entre eles o veciño e compañeiro de xogos de Scout, baseado no seu amigo da infancia, Truman Capote. O segredo do seu éxito duradeiro débese á universalidade dos temas que toca, a chegada da adolescencia, o xuízo de Tom Robinson, a inxustiza do racismo, a tolerancia e a empatía, a devoción aos heroes, o incesto, o medo, a ignorancia, e para rematar, a posibilidade dunha posibilidade de redención.

A escritora adopta unha postura crítica, pero sen caer na arrogancia moral. Os personaxes de Lee son entrañables e vívidos e a súa prosa é lánguida como un caloroso día de verán, pero salpicada de cando en vez con notas de humor.


Pequena biografía


Nelle Harper Lee naceu e criouse en Monroeville, Alabama, era a máis nova dos catro fillos de Amasa Coleman Lee e Frances Cunningham Finch Lee. O seu pai, ex editor e propietario dun
xornal, era un avogado que serviu na Lexislatura do Estado de Alabama desde 1926 ata 1938. Cando era pequena, Lee era unha lectora precoz e a mellor amiga do seu compañeiro de escola e veciño, o mozo Truman Capote .

Harper estudou Dereito en Alabama ata 1949. Foi á Universidade de Oxford, en Inglaterra un verán como estudante de intercambio. Nos anos 50 trasladouse á cidade de Nova York para traballar nunha compañía aérea e coa intención de seguir o seu soño de converterse en escritora. Alí reuniuse co seu vello amigo Truman Capote, unha das estrelas literarias en alza da época. En 1956, tras recibir dos seus xefes un permiso dun ano, comezou a escribir.

En 1960 publicouse Matar un reiseñor (To kill a mockingbird), que obtivo o premio Pulitzer o ano seguinte e que foi levada ao cine por Robert Mulligan nunha memorable película galardoada con tres Premios Óscar en 1962 e protagonizada por Gregory Peck no papel de Atticus Finch e Mary Badham como Scout. En 1999, foi votada como "a mellor novela do século" nunha enquisa realizada polo Library Journal.

Harper Lee tivo un importante papel na procura de información para a novela "A sangue frío"
de Truman Capote. Coa excepción duns poucos ensaios curtos, non publicou ningún escrito máis. Do mesmo xeito que J. D. Salinger, non concede entrevistas e vive retirada.

A novela ten trazos autobiográficos, o personaxe de Scout estaría inspirado na propia Harper Lee e o de Atticus Finch no seu pai. Finch, por certo, é o apelido de solteira da nai de Lee. O terceiro neno, un visitante, está inspirado nas historias que Truman Capote lle contaba a Lee sobre si mesmo na súa infancia.


Elementos autobiográficos


Lee afirmou que Matar un reiseñor non é unha autobiografía, senón un exemplo de como un autor «debería escribir sobre o que coñece e escribe sinceramente». No entanto, numerosas persoas e sucesos da infancia de Lee teñen un paralelismo con aqueles da protagonista da novela, Scout. O pai de Lee, Amasa Coleman Lee, era avogado, como Atticus Finch, e en
1919 defendeu a dous negros acusados de asasinato. Após a súa condena, aforcamento e mutilación, nunca máis asumiu ningún caso relacionado cun crime. O pai de Lee era tamén director e editor do xornal de Monroeville. Aínda que máis partidario da segregación racial que Atticus, volveuse máis liberal de xeito gradual nos seus últimos anos. Pese a que a nai de Scout morreu cando ela era un bebé e Lee tiña 25 anos cando faleceu a súa, a nai de Lee padecía unha enfermidade nerviosa que a volvía mental e emocionalmente ausente. Lee tiña un irmán chamado Edwin que, como o ficticio Jem, era catro anos maior que a súa irmá. Do mesmo xeito que na novela, unha ama de chaves negra acudía diariamente ao fogar dos Lee.

O personaxe de Dill baseouse no amigo de Lee da infancia, Truman Capote, coñecido por aquel entón como Truman Persons. Dill vivía xusto á beira de Scout durante o verán, do
mesmo xeito que Capote, que vivía co seu tíos mentres a súa nai visitaba Nova York. Como Dill, Capote tiña unha impresionante imaxinación e un don para as historias fascinantes. Tanto Lee como Capote foron pícaros atípicos: ambos amaban ler. Lee era unha nena pouco feminina, moi dada a enfrascarse en pelexas, mentres que Capote era ridiculizado polo seu avanzado vocabulario e ceceo. Capote e ela inventaron e representaron historias escritas por eles mesmos nunha vella máquina de escribir Underwood que lles deu o pai de Lee. Convertéronse en bos amigos a partir do momento en que se sentiron alienados en comparación cos seus iguais; Capote referíase a eles dous como «persoas á parte». En 1960 Capote e Lee viaxaron xuntos a Kansas  para investigar os múltiples asasinatos que foron a base para a novela testemuño de Capote A sangue frío.

Rúa abaixo de onde vivían os Lee, achábase o fogar dunha familia cuxa casa estaba sempre tapada con táboas: a base para os Radley de Matar un reiseñor. O fillo da familia tivo algún problema coa xustiza e o pai mantívoo na casa durante 24 anos por vergoña. Estivo escondido ata que foi virtualmente esquecido e morreu en 1952.

A orixe de Tom Robinson é menos clara, aínda que hai moitas especulacións,  este personaxe estivo inspirado en numerosas persoas. Cando Lee tiña dez anos, unha muller branca de
preto de Monroeville acusou a un negro chamado Walter Lett de tela violado. A historia e o xuízo foron cubertos polo xornal do pai de Lee e Lett foi condenado a pena de morte. Trala aparición dunha serie de cartas asegurando que Lett fora falsamente acusado, a súa sentenza foi conmutada pola de cadea perpetua. Lett faleceu no cárcere de tuberculose en 1937. Os estudiosos cren que as dificultades de Robinson reflicten o notorio caso dos Scottsboro Boys, no que nove homes negros foron condenados, con moi poucas probas, pola violación de dúas mulleres brancas. Con todo, en 2005 Lee asegurou que tivo en mente algo menos sensacional, aínda que o caso de Scottsboro serviu «para o mesmo obxectivo»: mostrar os prexuizos sureños. Outra das posibles inspiracións para a creación do personaxe de Tom Robinson é Emmert Till, un adolescente negro que foi asasinado por coquetear cunha moza branca en Misisipi en 1955 e cuxa morte é considerada o catalizador que deu orixe ao movemento polos dereitos civís.


Unha época de reivindicacións


O libro publicouse en 1960, nunha época chea de loitas polos dereitos humanos en EEUU. Aquela batalla contra a discriminación racial e polo voto afroamericano nos estados do sur foi librada desde metade da década dos cincuenta, pero cobraría relevancia nacional con sentadas, protestas, marchas e líderes como o reverendo Martin Luther King a mediados dos sesenta.

Luther King, foi un activista dos dereitos civís desde moi novo, organizou e levou a cabo diversas actividades pacíficas reclamando o dereito ao voto, a non discriminación e outros dereitos civís básicos para a xente negra dos Estados Unidos.

Entre as súas accións máis recordadas están o liderado da Marcha sobre Washington polo Traballo e a Liberdade, en 1963, ao final da cal pronunciaría o seu famoso discurso "I have a dream" (eu teño un soño), grazas ao cal se estendería por todo o país a conciencia pública sobre o movemento dos dereitos civís e consolidaríase como un dos máis grandes oradores da historia estadounidense. Premio Nobel da Paz en 1964, foi asasinado en Memphis, cando se preparaba para liderar unha manifestación.

A maior parte dos dereitos reclamados polo movemento serían aprobados legalmente coa promulgación da Lei dos dereitos civís e a Lei do dereito ao voto.

Se queres saber máis ve a seguinte reportaxe:




Ningún comentario:

Publicar un comentario