A LADROA DE LIBROS

"O corazón dos humanos non é como o meu. O dos humanos é unha liña, mentres que o meu é un círculo e posúo a infinita habilidade de estar no lugar apropiado no momento oportuno. A consecuencia é que sempre encontro humanos no seu mellor e no seu peor momento. Vexo a súa fealdade e a súa beleza e pregúntome como ambas as dúas poden ser o mesmo. Non obstante, teñen algo que lles envexo: polo menos os humanos teñen o bo xuízo de morrer..."






Ficha técnica



Título: A ladroa de libros
AutoraMarkus Zusak
Xénero: Narrativa
Editorial: Debolsillo







Sinopse

A Ladroa de Libros trasládanos á Alemaña Nazi para, dende a perspectiva da propia Morte, seguir as vivencias de Liesel Meminger, unha nena de nove anos que, tras a desaparición dos seus pais, son adoptados pola familia Hubermann. Co seu pai adoptivo, Hans, a rapaza introducirase na literatura tras furtar o seu primeiro libro: "O Manual Do Sepultureiro".


Na súa aventura, ademais de descubrir o pracer da lectura, Liesel coñecerá novos amigos, un neno fanático de Jesse Owens (o atleta negro estadounidense que lle aguó a festa olímpica a Hitler) chamado Rudy, e un refuxiado xudeu, Max, que se esconde no soto dos Hubermann.

O sentido lírico da narración, a curiosa óptica da Morte como narradora tratada de xeito plausible na súa "humanización" e desapego orixinal do retrato usual do personaxe, a evasión xeral dos estereotipos, a mensaxe de amor aos libros e a acentuación do poder da palabra e a lectura (tanto como poder evasivo coma de amplitude de coñecemento ou de recordo dun momento temporal), converten a lectura desta novela nun exercicio prácido e recomendable.

A fermosa historia posúe descricións cheas de evocación e sensibilidade, ademais dunha cavadura íntima de matices poéticos.
O particular perspectivo que recrea con habilidade un contexto histórico ponnos de manifesto a perniciosa ideoloxía totalitaria movida polo pensamento único, o lavado de cerebro, a explotación emocional de sentimentos básicos e universais detrás de intereses particulares, e o odio irracional ao diferente, en especial ao máis próximo.




Pequena biografía

Markus Zusak naceu en Sydney en 1975. De pai austríaco e nai alemá, crece escoitando as historias que sobre a Alemaña nazi e o holocausto xudeu lle contaba a súa nai, testemuña desta época histórica, e que anos despois lle inspirarían a súa obra máis famosa e recoñecida internacionalmente A ladroa de libros, segundo el mesmo di nunha entrevista concedida ao xornal Sydney Morning Herald.


Fillo de familia humilde, Zusak traballa primeiro como conserxe e despois inicia os seus estudos de profesorado de inglés, compaxinándoos coa escritura. Paralelamente aos seus comezos como escritor independendízase do fogar familiar aos 19 anos e cambia o seu nome, de Branco Cincovic ao actual polo que é coñecido.

Markus Zusak descobre a súa vocación literaria a través das lecturas que ocupan os seus anacos libres, non sen antes probar outras opcións laborais como o oficio de pintor, exercido polo seu pai. Un dos libros que lle inflúen na súa decisión de ser escritor é O vello e o mar de Ernest Hemingway, lido na súa adolescencia. Ademais recoñécese admirador de escritores tales como Peter Hedges, Sylvia Plath, George Johnston e John Irving.

É coñecido internacionalmente polas súas novelas destinadas especialmente a un público xuvenil, sendo as máis famosas The Messenger (2002), título galardoado co Printz Honor á excelencia na literatura xuvenil en 2006 A ladroa de libros (The book thief, 2006), bestsellers internacionais.

O seu estilo narrativo é orixinal e poético, con historias cheas de tenrura, centradas habitualmente en mozos de condición humilde que tratan de mellorar as súas vidas. Obtivo numerosos premios de literatura xuvenil.



Tras A ladroa de libros, editouse en castelán The Messenger, co título de Cartas cruzadas (2011).

Outros libros seus son When Dogs Cry (2001), The Underdog (1999), e as continuacións desta última novella Fighting Ruben Wolfe (2001) e Getting The Girl (2003).

A ladroa de libros, lanza a Markus Zusak, con tan só 30 anos, ao recoñecemento literario por parte da crítica internacional.



Artigo publicado polo Periodista Digital

A ladroa de libros é a historia da nena que roubou as palabras a Hitler

Axencia EFE Martes, 25 de setembro 2007


Ninguén mellor que a Morte para narrar unha historia na Alemaña nazi da Segunda Guerra Mundial como a que conta A ladroa de libros, unha novela sobre o extraordinario poder das palabras escrita polo australiano Markus Zusak a partir dos recordos familiares.

A novela converteuse nun fenómeno editorial tras a súa aparición en inglés e aos poucos días de ser editada en español por Lumen figura xa entre os libros máis vendidos en España, país que visita estes días o seu novo autor.

Zusak (Sydney, 1975) decidiu escribir unha novela sobre "esa pequena porcentaxe" de alemáns que se negou a avalar os postulados de Hitler e que estivo disposto a arriscar a súa vida e a dos seus familiares por ocultar a un xudeu na súa vivenda, explicou hoxe nunha entrevista con Efe.

E é este o perfil que comparten os pequenos heroes que protagonizan a novela, encabezados por Liesel, unha nena que vive nunha pequena localidade próxima a Múnic cos seus pais de acollida, Hans e Rosa, e un xudeu, Max, refuxiado no soto da casa familiar.


"Xente como esta existiu de verdade", asegura Zusak, a quen acompañaron "dende neno" as "incribles" historias dos seus pais, que viviron a súa infancia na Alemaña da Segunda Guerra Mundial e que inspiraron en parte os personaxes do libro.

Liesel, que comparte os seus xogos con Rudy -un rapaz inconformista que chega a pintarse de negro con carbón para parecerse ao atleta Jesse Owens gañador de catro medallas de ouro olímpicas en Berlín 1936-, descubrirá o poder das palabras cando o seu pai o ensine a ler nun libro que a nena roubou no cemiterio onde foi enterrado o seu irmán.

A partir dese momento, Liesel irá construíndo un mundo paralelo, empregando outros libros que vai roubando pouco a pouco e as páxinas que escribe para ela Max, quen chega a branquexar as follas de "Mein Kampft" para poder enchelas de palabras novas.

"A idea de poder escapar a través das palabras gustábame. E iso é algo que descobre Liesel", explicou Zusak, quen publicou con éxito varias novelas xuvenís antes de afrontar a elaboración de A ladroa de libros.

O poder das palabras que salva a vida á protagonista do libro é o mesmo que emprega Hitler para manipular as mentes dos alemáns, segundo conta un dos relatos que Max escribe para Liesel, no que a nena acaba roubándolle as palabras ao Führer.

As palabras que le Liesel confortan os seus veciños durante as noites de bombardeos e son as mesmas que aparecen nos escaparates esnaquizados das tendas dos xudeus; e as que ardían dentro dos libros consumidos nas piras durante os actos de exaltación nazi.

En certo modo, si," é unha novela sobre o extraordinario poder das palabras", afirma Markus Zusak ao ser preguntado ao respecto.

Custoulle moito a Zusak convencer á Morte para que narrase a súa novela? "Tiven moitos problemas", responde o autor australiano, quen confesa que non lograba dar cun ton axeitado que estivese afastado dos estereotipos e que fose crible.

O resultado -un dos maiores logros do libro- é, en palabras do autor, "unha Morte que se parece a nós, pero que está un pouco máis áizquierda...o á dereita".

É a Morte a que se pregunta durante os bombardeos aliados cantos alemáns perseguiron outros "de forma activa, ebrios da mirada penetrante de Hitler, repetindo as súas frases, os seus parágrafos, a súa obra". Tamén se pregunta se merecían morrer os nenos alemáns atrapados baixo os entullos das súas casas.


A Morte resulta ser "unha narradora compasiva", que ás veces chama a atención do lector con carteis que parecen lápidas -o primeiro que aparece na novela di "Un pequeno detalle: morrerás" -, e que conduce nos seus brazos as almas que recolle ata "a fita transportadora da eternidade".

"Unha das cousas máis agradables que me dixeron os meus lectores é que xa non teñen tanto medo á morte. E eu digo, que sorte... ", afirma Zusak, quen, posto a elixir outro mundo, se decanta por "o mundo que crean os libros"

Se queres saber máis sobre o libro podes ler esta entrevista co autor na páxina web:





Ningún comentario:

Publicar un comentario